PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra aposta por unha nova cita cultural para a provincia. Tralo éxito, din, da recuperada Bienal de Arte este 2025, a institución traballa na organización dunha nova proposta para este 2026: a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. A programación desenvolverase en xullo de 2026, convertendo Santa Clara nun espazo de creación contemporánea.
A Deputación de Pontevedra non quere agardar ata o 2027 para volver converter a provincia nun epicentro cultural coa nova edición da Bienal de Arte. Por iso para o 2026 a institución impulsa unha nova cita: a Bienal de Artes Vivas.
A cita desenvolverase en xullo do 2026 cunha programación ao longo de dúas semanas que será totalmente gratuíta. Todo nun escenario de excepción: o convento de Santa Clara, onde continuarán de xeito paralelo os traballos técnicos e estudos previos á rehabilitación.
Esta nova Bienal de Artes Vivas inspírase no programa de Artes Vivas que se desenvolveu en diferentes puntos da provincia durante a Bienal do 2025. Estará comisariada por Iñaki Martínez Antelo.
Ademais, a Deputación anunciou que nos vindeiros días porase en marcha un concurso público para seleccionar ao comisariado da Bienal de Arte de 2027, na que será a súa 33 edición.










