NOIA> A Mostra Internacional de Curtas Vila de Noia, que este ano chega á súa 27 edición, terá lugar do 3 ó 14 de novembro no Teatro Coliseo Noela.
O festival é xa unha cita de referencia do audiovisual non só a nivel nacional senón tamén internacional. Proba diso son os máis de 1.300 traballos que se presentaron a esta mostra chegados dun total de 52 países diferentes.
O Festival terá unha dinámica semellante á de edicións anteriores, coas seccións xa habituais na Mostra como son as proxeccións, as charlas e as formacións, así como as presentacións, sen esquecer tampouco a sección Curtacativa, dirixida a escolares.
Unha das novidades é que este ano a organización decidiu recuperar tamén a sección do documental.
Dende o Concello destacaron tamén a importancia desta cita, e o que supón para o tecido económico da vila.
Durante a Mostra realizarase tamén un recoñecemento especial a Serafín ‘O Castañeiro’, unha persoa moi vinculada ó festival, falecido este ano, a quen a organización lle tributará unha sentida homenaxe, e a quen vai dirixido tamén o cartel do festival deste ano, obra do artista local Guille Somoza.











