NOIA> Malia que a casa está habitada, no momento do suceso non había ninguén no interior. A Garda Civil investiga as causas que puideron desencadear o lume.
Esta mañá membros do Grupo Municipal de Intervención Rápida de Noia realizaban labores de ventilación e arrefriamento da vivenda queimada. Foi unha noite dura de traballo que se iniciaba pasadas as dez da noite, cando un veciño daba a voz de alarma ó ver como ardía a casa. As lapas propagáronse con facilidade polo seu interior arrasándoa practicamente na súa totalidade.
A pesar dos cuantiosos danos materiais non houbo que lamentar feridos posto que no momento en que se iniciou o incendio non había ninguén no interior da vivenda.
Ademais do GRUMIR de Noia, tomaron parte no operativo de extinción do lume, efectivos do Parque de Bombeiros de Boiro así como axentes da Policía Local e da Garda Civil. Polo de agora descoñécense as posibles causas que provocaron o lume. A policía xudicial encárgase da súa investigación.