A POBRA> Nós Pobra insta ó resto de partidos que compoñen o executivo da Pobra a revisar o pacto de goberno. Entenden que a saída de José Carlos Vidal da formación altera o equilibro de forzas. Tras unha primeira xuntanza co BNG fan un chamamento a PSOE e VIPs para pronunciarse sobre o novo escenario político.
Nós Pobra comparecía esta mañá para dar resposta ás declaracións do alcalde. Sosteñen que José Carlos Vidal si abandonou a formación política e así o manifestou tanto na asemblea do pasado 9 de outubro como mediante posteriores mensaxes.
Ademais de aclarar este punto, dende Nós Pobra seguen a analizar as consecuencias políticas e institucionais da saída de José Carlos Vidal que derivan nunha alteración do equilibrio das forzas que acadaron o pacto de goberno polo que solicitan a súa revisión.
Á espera da resposta de José Carlos Vidal á solicitude de que renuncie á alcaldía, dende Nós Pobra xa iniciaron os contactos co resto de forzas cunha primeira reunión co BNG. Instan ó Partido Socialista, con quen Vidal concorrerá ás vindeiras municipais, e a Veciños Independentes da Pobra a manter xuntanzas para valorar o novo escenario político e a súa predisposición a revisar o acordo.











