O PP tomba unha proposta do BNG para a reconversión da planta de Servia

LOUSAME> O BNG levou ó Parlamento unha Proposición Non de Lei para a reconversión da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame. A proposta non saíu adiante ante a negativa do PP que votou en contra da iniciativa que pretendía asegurar o futuro da planta e dos seus máis de 100 traballadores.

A deputada do BNG no Parlamento, Rosana Pérez, defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a implicarse na modernización e reconversión da planta de reciclaxe de Servia.

A iniciativa recollía tamén a proposta do comité de empresa para crear unha mesa de traballo con tódalas partes implicadas que garantise o futuro da instalación e dos seus máis de 125 empregados.Ata o de agora, a planta prestaba servizo a unha poboacion de máis de 85 mil habitantes, dos nove concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza. Sen embargo, na actualidade a súa situación é insostible co vertedoiro colmatado e as instalacións en precario debida á falla de mantemento.

Os nacionalistas solicitaban a implicación da administración autonómica para garantir a súa continuidade diversificando o servizo a través da especialización no tratamento doutro tipo de residuos. Proposta que tamén secundou a agrupación socialista.

Sen embargo, a iniciativa non saíu adiante ante a oposición do PP que votou en contra afirmando que Servia non supón unha alternativa a Sogama, debido ás deficiencias do modelo que implican tamén un maior custo medioambiental.