Acordo unánime para solucionar os problemas das dinámicas das correntes no peirao pobrense

POBRA> A deputada do BNG no Parlamento Galego, Rosana Pérez, mostrou esta mañá na Pobra a súa satisfacción diante do acordo acadado por unanimidade na última Comisión de Pesca. Trátase dunha proposición non de lei presentada polos nacionalistas que tiña coma principal finalidade analizar as posibles solucións á situación actual do peirao pobrense, debido á modificación da dinámica das correntes mariñas, que están a afectar á produtividade dos bancos marisqueiros do Areal e dos Raposiños.

A Xunta de Galicia porá fin a unha vella reclamación da Confraría de Pescadores da Pobra de cara a mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros do Areal e Raposiños. Farao a través dun estudo para a remodelación do acceso ó peirao comercial e á ampliación do atraque no porto da localidade.

A proposta foi debatida no Parlamento a solicitude do BNG, que  conseguiu o respaldo unánime do resto de forzas, tanto PP coma Partido Socialista.

O prazo de execución dos estudos e a redacción deste proxecto é de 19 meses, e, de levarse adiante, as obras suporían un investimento aproximado superior ós sete millóns de euros.

Dende o BNG criticaron a falla de resposta por parte do Goberno da Xunta nestes anos, a pesar das reiteradas solicitudes por parte do pósito pobrense.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí