A solicitude dun cambio de aseguradora parecen estar detrás da multa ó rexedor pobrense

POBRA> O alcalde negou ter coñecemento da irregularidade ata o pasado mes de setembro, momento no que procedeu á contratación dunha nova póliza. Con estas palabras iniciaba o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, a súa comparecencia de hoxe, na que deu explicacións ó respecto da multa imposta por carecer de seguro no seu vehículo. Piñeiro asegurou sentirse prexudicado por esta situación que el non buscou. Todo comeza no ano 2015 cando solicitou un cambio de compañía aseguradora. Dáse a circunstancia ademais de que durante este tempo seguía pagando por un seguro doutro vehículo da súa propiedade coa mesma compañía que xa vendera hai tempo. Aínda así non quere pensar que se trate dun ataque persoal por parte dalgún traballador municipal… Negou que vaia dimitir, como lle piden dende os grupos da oposición. Con anterioridade, no día de onte, xa mostrara a súa opinión ó respecto deste asunto no seu perfil de facebook, agradecendo as mostras de cariño e apoio recibidas estes días, especialmente dos seus compañeiros de formación. Segundo el non só é un ataque á súa persoa senón tamén ó seu partido, criticando a enorme expectación mediática suscitada.