VILAGARCÍA> A praza de abastos de Vilagarcía acolle entre este luns e martes un obradoiro de batchcooking, dito doutro xeito, preparar varios menús dunha atacada para varios días para aforrar tempo na cociña. Pero o obxectivo desta iniciativa vai máis alá, porque o que pretende é incorporar á nosa dieta máis peixe, achegando ao público receitas e técnicas sinxelas para que non se perda nin o seu sabor nin ningunha das súas propiedades.
Seguramente moitos de vostedes puxéronse un día a cociñar e fixeron menús para varias xornadas. En inglés iso denomínase batchcooking e sobre esa práctica con produtos do mar céntranse unhas xornadas que se desenvolven en Vilagarcía entre este luns e martes. A iniciativa enmárcase dentro do proxecto ‘Pesca saúde’, impulsado polos GALP, os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro.
Nesta primeira xornada, a proposta centrouse na parte teórica, coas claves para saber que especies conservan mellor na neveira ou no conxelador, e trucos para reducir o desperdicio alimentario.
Estas xornadas buscan ademais recuperar os hábitos de consumo de peixe, tendo en conta que cada vez comemos menos.
A actividade conta con 15 prazas, todas elas cubertas. Este martes desenvolverase a parte práctica con produtos da propia praza de abastos vilagarciá, ofrecendo propostas como cebiches ou vinagretas. Ademais de en Vilagarcía, este luns e martes tamén se está a celebrar outro obradoiro do proxecto ‘Pesca Saúde’ en Ribeira. A seguinte sesión terá lugar en Muros este xoves e venres.











