VILAGARCÍA> Nova protesta das mariscadoras a pé do Grove. Desta volta, na Xefatura Comarcal da Consellería do Mar en Carril. Esta mañá insistiron na súa reclamación: o seu dereito laboral de realizar un parón remunerado durante o verán por mor da baixa produtividade do marisco nesta época. Afirman que están nunha situación límite, con salarios que non superan os 500 euros.
‘Queremos comer’ ou ‘Non temos unha ameixa, temos unha queixa’ son algúns dos cánticos que esta mañá se escoitaron ás portas da Xefatura Comarcal da Consellería do Mar en Carril.
As mariscadoras a pé do Grove celebraron unha nova concentración para insistir na súa reclamación: o seu dereito laboral de realizar un paro remunerado durante o verán por mor da baixa produtividade do marisco nesta época.
Explican que se trata dun dereito que recolle o seu seguro pero que leva sen facerse efectivo dende a época do Prestige. Por iso piden á Consellería do Mar que lles firme a forza maior para poder ir ao paro. Algo que, polo de momento, o departamento autonómico desbota. Aseguran que a forza maior só podería concederse en caso de catástrofe. Mentres, as mariscadoras afirman que están nunha situación límite, con máis dun ano gañando un salario que non supera os 500 euros.
Alertan tamén que estas condicións están a provocar que moitos mariscadores do pósito meco estean a abandonar a profesión.
Antes da concentración desta mañá, as mariscadoras mecas levaron a súa protesta a Santiago de Compostela a principios do mes de xullo. Pero, unha vez máis, non conseguiron resposta por parte da Xunta de Galicia. Por iso advirten: chegarán a onde faga falta.











