PONTEVEDRA> Avanzan as obras do pavillón deportivo de Monte Porreiro. Hoxe houbo visita de autoridades aos traballos; as tres que colaboran no seu financiamento: goberno do Estado, Xunta de Galicia e concello de Pontevedra. O proxecto conta cun investimento de máis de 6 millóns de euros, e suporá dotar o barrio dunha instalación deportiva de primeiro nivel e dunha praza pública de máis de 5.000 metros cadrados.
As obras do pavillón deportivo de Monte Porreiro avanzan a pleno rendemento. Un investimento de máis de 6 millóns de euros que suporá a transformación urbana e deportiva do barrio.
A pista principal do pavillón estará a oito metros de profundidade. Sobre a instalación deportiva localizarase esta gran praza, chamada a mellorar o espazo público do barrio.
Para levar adiante o proxecto, o concello non está só. Das arcas municipais saen 500.000 euros. Outros 2 millóns proceden da Xunta de Galicia.
A terceira pata do financiamento é o goberno do Estado. Neste caso, son 3,7 millóns de euros os que se achegan dende os fondos EDIL.
O alcalde sinalou tamén que a construción deste pavillón non é o único investimento proxectado para Monte Porreiro. Segundo o rexedor, tamén están previstas diferentes actuacións en materia de saneamento e pavimentación das rúas do barrio.
A previsión oficial é que as obras do pavillón deportivo estean rematadas no primeiro semestre de 2028.











