O convento de Santa Clara xa é patrimonio de Pontevedra

PONTEVEDRA> O convento de Santa Clara xa é, por fin, público. Este mediodía o alcalde de Pontevedra asinaba ante notario o peche da que se considera a operación urbanística máis importante para a cidade nos últimos dous séculos. Non en van, con esta compra o concello suma ao patrimonio público 12 mil metros cadrados en pleno centro. A compra supuxo ás arcas públicas un desembolso de 3,2 millóns de euros.

Os 12.000 metros cadrados do convento de Santa Clara xa son patrimonio dos pontevedreses. Un día de celebración para a cidade, que na orde das clarisas deixa un sabor agridoce.

Tras meses de negociacións e xestións, o concello formalizou este mediodía a compra por valor de 3,2 millóns de euros.

O convento de Santa Clara foi testemuña durante 750 anos da historia da cidade, permanecendo practicamente inalterable ao paso dos séculos. Coa súa incorporación ao patrimonio público ábrese un novo capítulo.

Hoxe as portas do histórico inmoble abríronse por primeira vez para unha visita guiada. Unha toma de posesión simbólica na que o alcalde, concelleiros e medios de comunicación percorreron as súas estancias e os 10.000 metros cadrados da famosa horta das clarisas.

A intención do concello é poñer en marcha un programa de actuacións e accións para que todos os pontevedreses poidan coñecer o convento. O primeiro paso será organizar visitas guiadas, que se concretarán próximamente.

Dende a orde das clarisas agradeceron o trato recibido dende o concello. Confesan que aínda que lles resulta difícil renunciar ao convento, están satisfeiras de que pase a ser de toda a cidadanía de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí