PONTEVEDRA> A Derradeira Leición do Mestre, de Castelao, viaxa xa cara Pontevedra. O cadro pintado polo galeguista en 1945 deixou onte o Centro Galicia de Bos Aires, na Arxentina. O seu destino será o Museo de Pontevedra, a onde está previsto que chegue o vindeiro 17 de xuño. Despois exhibirase na cidade dende o 25 de xuño ao 27 de setembro. Será a primeira vez que a obra se poida ver no Museo pontevedrés.
A Derradeira leición do Mestre, de Castelao, deixaba onte o Centro Galicia de Bos Aires, na Arxentina. Comezou así unha viaxe que rematará o vindeiro 17 de xuño no Museo de Pontevedra.
A saída do emblemático cadro foi seguida de preto polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra. A peza deixará Arxentina en avión. Viaxará ata Alemaña e, dende alí, partirá por estrada ata chegar a Galicia.
Xa no Museo de Pontevedra, exhibirase do 25 de xuño ao 27 de setembro. Aquí a peza, pintada en 1945 por Castelao para o Centro Orensano de Buenos Aires e que representa o fusilamento no 1936 de Alexandre Bóveda, exporase xunto con outras obras do galeguista. Entre elas, o debuxo orixinal que lle serviu de inspiración.
Ademais, o Museo organizará durante os meses de verán un amplo programa de actividades complementarias. Haberá visitas guiadas, obradoiros infantís, concertos, conferencias e un seminario dedicado á análise histórica e artística desta peza.











