Pontevedra estreará un novo parque canino de máis de 2.000 metros cadrados despois do verán

PONTEVEDRA> Colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Pontevedra para construír un novo parque canino na cidade. Estará situado nunha parcela de 2.500 metros cadrados cedida polo goberno local no barrio da Parda, na zona de Conde de Bugallal. Agora será o goberno autonómico quen se encargue da súa construción, cunha achega de 100.000 euros. A intención é que estea rematado despois do verán.

Unha parcela de 2.500 metros cadrados da rúa Conde de Bugallal converterase despois do verán nun gran parque canino. Hoxe a Xunta de Galicia e o concello de Pontevedra asinaron o protocolo de colaboración para levar adiante esta intervención.

A parcela, de titularidade municipal, foi cedida polo concello. Dos traballos para acondicionala encargarase a Xunta, que destinará 100.000 euros. As obras comezarán en xuño e a intención é que estea operativo despois do verán. Finalizado o parque, o mantemento será responsabilidade do concello.

Actualmente, Pontevedra carece de parque canino tralo peche do que se atopaba na Xunqueira de Alba polo inicio das obras do nó de bombeiros. Na cidade hai máis de 18.000 cans rexistrados, aproximadamente un por cada cinco habitantes.

Segundo explicou a conselleira, en toda Galicia son 830.000 os animais de compañía rexistrados. Deles, o 89% son cans. De aí a aposta do goberno da Xunta por dotar deste tipo de instalacións ás sete grandes cidades galegas. Pontevedra é a segunda, despois de Ferrol.