‘Pontevedra é Feroz’: a campaña do concello para promocionar os premios na rúa

PONTEVEDRA> Pontevedra busca implicar a toda a cidadanía nos Premios Feroz. A cidade acollerá a gala de entrega destes importantes galardóns da industria audiovisual o vindeiro 25 de xaneiro de 2025. Tamén será a sede no 2026. Para dalo a coñecer, o concello puxo en marcha unha campaña de promoción da cita. Ademais, Pontevedra estará representada no Festival de Cine de San Sebastián para facer un chamamento de cara ao evento.

Pontevedra é feroz e dende o concello están decididos a que toda a cidadanía o saiba. Xa está en marcha a campaña de promoción da gala de entrega dos Premios Feroz que concede a Asociación de Informadores Cinematográficos de España e que a cidade acollerá no 2025 e no 2026.

Hoxe descubriuse un dos tótems que se repartirán por toda a cidade. Un acto no que tamén participaron os voceiros dos partidos da oposición, PP e PSOE. Rafa Domínguez, ademais de como voceiro popular, asistiu en calidade de vicepresidente da Deputación de Pontevedra, institución que colabora coa organizacións dos premios.

A gala do 2025 será o 25 de xaneiro. Pero antes a cidade acollerá numerosas actividades previas á cita. Ademais, Pontevedra estará presente no Festival de Cine de San Sebastián, convidada polos organizadores para anunciarse formalmente como sede destes galardóns.

Polo de agora, concello e Deputación van da man para afrontar os custos organizativos dos Premios Feroz. A Xunta, pola súa banda, aínda non confirmou a súa participación aínda que o alcalde asegurou que hai conversas en marcha.