BNG e PSOE acordan unha nova modificación de crédito: 11,17 millóns para investimentos no concello

PONTEVEDRA> Novo entendemento en Pontevedra entre BNG e PSOE para sacar adiante outra modificación de crédito. Desta volta por valor de 11,17 millóns de euros. Segundo explicaron hoxe, a contía dividirase en tres puntos: 670 mil euros para proxectos de partidas anteriores; 668 mil para gastos plurianuais e 9,8 millóns de euros para proxectos acabados ou en proceso. Aquí englóbanse, entre outros, a reforma do céspede de Pasarón, a compra dun novo colector para a rúa José Malvar ou o proxecto de integración da avenida de Compostela e o campus universitario.

As contas do concello de Pontevedra disporán de 11,17 millóns de euros máis. Será grazas a un novo acordo entre BNG e PSOE para activar unha nova modificación de crédito.

A operación finánciase con cargo aos remanentes municipais. Todos os cartos destinaranse a investimentos, divididos en tres bloques. Un primeiro para dar continuidade a proxectos xa iniciados por valor de 670.000 euros, como o videomarcador de Pasarón ou a renovación do céspede artificial do Manolo Barreiro. Para o segundo bloque resérvanse 668.000 euros para gastos plurianuais.

Finalmente, ata 9,8 millóns desta modificación dirixiranse a novas propostas de gasto e infraestruturas. Aquí inclúese unha nova partida para a renovación do céspede de Pasarón, a reforma da rúa Altamira, a compra dun novo colector para a rúa José Malvar ou os estudos de integración da Avenida de Compostela co campus universitario.

Pola súa banda, Puentes celebrou este novo entendemento entre PSOE e BNG. E puxo o foco na ausencia do Partido Popular neste acordo.

A consolidación dos restos arqueolóxicos da Ponte do Burgo, a construción dun aparcadoiro público na rúa Reino Unido en Monte Porreiro ou a renaturalización da parcela dos circos na avenida de Marín en Mollavao, son outras das actuacións que contan con financiamento nesta nova modificación de crédito.