PONTEVEDRA> O Banco de Alimentos prepárase para a Gran Recollida deste 2026. Na provincia de Pontevedra participarán uns 150 establecementos. Para iso, precisan 2.700 voluntarios, co obxectivo de conseguir igualar a cifra de alimentos recollidos o ano pasado. Na última campaña deron recollido 325.000 quilos de alimentos. Con eses recursos poderían cubrir as necesidades das 20.000 persoas que atenden dende a entidade.
O Banco de Alimentos prepárase para unha das súas accións máis importantes ao longo do ano: a Gran Recollida. A campaña vaise celebrar os días 13 e 14 de novembro e do seu éxito dependerán as reservas da entidade para os vindeiros meses. O obxectivo do Banco de Alimentos e superar ou, cando menos igualar, os 325.000 quilos recollidos na pasada edición.
Para isto, o Banco de Alimentos precisa da colaboración de 2.700 persoas en toda a provincia de Pontevedra, que boten unha man nas dúas xornadas da Gran Recollida, repartíndose polos 150 establecementos nos que se poderá colaborar coa iniciativa. Na área de Pontevedra fan falta uns 400 voluntarios para cubrir 26 supermercados.
As persoas que queiran facerse voluntarias desta campaña poden facelo vía telefónica ou a través da web.
A dinámica da Gran Recollida mantense como sempre.
Ademais tamén se poden facer doazóns económicas, que logo o Banco de Alimentos destina a mercar directamente no propio establecemento os alimentos precisos.











