Volve a “Namórate de ti”, o proxecto que busca fortalecer a autoestima das mulleres

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do “Namórate de ti”. Un proxecto que nace en colaboración do Centro de Información á Muller co obxectivo de fortalecer a autoestima das persoas. En especial, das mulleres que se atopan nunha situación de vulnerabilidade ou que son vítimas de violencia de xénero.

“Autodescubrimento, autoestima e autoconcepto”. Esas son as tres claves do proxecto “Namórate de ti”. Unha iniciativa que xurdiu no 2018 e que este ano volve a Pontevedra. Trátase dun taller fotográfico no que se pretende fortalecer a autoestima das mulleres. Mulleres desempregadas, que se atopan nunha situación de vulnerabilidade ou que foron ou son vítimas de violencia de xénero.

O taller levarase a cabo os días 3, 5, 9 e 11 de novembro na Casa Azul. Ao rematar estes obradoiros, cada muller elixirá unha das súas fotografías para formar unha ampla exposición.

Con motivo da Covid, os talleres estarán reducidos a oito persoas. E aínda que son grupos pequenos, as mulleres que xa participaron na edición anterior, aseguran que aquí formaron unha gran familia.

Todas as mulleres que queiran participar poden facelo a través do teléfono 986 86 48 25 ou no correo electrónico igualdade@pontevedra.eu