A POBRA> O PSOE e Veciños Independentes da Pobra realizaron unha declaración conxunta na que ratifican o seu compromiso co pacto de goberno aprobado hai tres anos. A súa vontade é manter a coalición e seguir a traballar con normalidade para culminar os proxectos e compromisos adquiridos neste mandato.
PSOE e VIPS, dous dos grupos que conforman o cuadripartito, xunto con Nós Pobra e o BNG, amosaron publicamente a súa postura tralo terremoto político provocado pola decisión do alcalde de concorrer ás vindeiras eleccións municipais co Partido Socialista. Patricia Lojo e Eloy Sobrido ratificaron o seu apoio ó acordo subscrito en xullo de 2023 polo que non participarán en negociacións orientadas a modificalo ou apoiar unha alternativa á actual alcaldía.
Os voceiros das dúas formacións consideran que o debate interno xurdido no seo de Nós Pobra non pode trasladarse ó funcionamento do concello polo que apelan á responsabilidade de tódolos grupos para manter a normalidade institucional e seguir dando resposta ás necesidades da cidadanía.
Lojo e Sobrido pechan así filas entorno a José Carlos Vidal garantindo a súa continuidade como alcalde ata esgotar o mandato. Será a partir de entón, coa celebración das eleccións en maio do 27, cando cada un dos partidos presente o seu proxecto político dando voz á cidadanía para decidir libremente o futuro da Pobra.











