A Deputación de Pontevedra porá máis de 91 millóns de euros a disposición dos concellos no 2025

PONTEVEDRA> Máis de 91 millóns de euros repartidos en tres plans de investimentos para os concellos. Son as contas da Deputación de Pontevedra para o vindeiro 2025. Repiten o plan +Provincia e o Plan de Infraestruturas Deportivas, que no 2025 duplica o seu orzamento ata os 8 millóns. A eles súmase un terceiro, a novidade presentada hoxe polo presidente Luis López: o Plan Extra, dotado con 35 millóns para que os concellos afronten investimentos de carácter estratéxico.

A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá os tres plans de investimentos aos que no 2025 poderán acceder os concellos da provincia. Liñas que suman 91,2 millóns de euros.

O principal seguirá a ser o Plan +Provincia. Aumentará o seu orzamento ata os 48,2 millóns de euros. Como novidade, permitirá aos concellos realizar investimentos plurianuais.

Tamén incrementa o seu orzamento o Plan de Infraestruturas Deportivas. En concreto, será o dobre, acadando os 8 millóns de euros. Isto permitirá que cada concello reciba unha contía fixa de 75.000 euros.

Outra das novidades presentadas hoxe é o Plan Extra. Dotado con 35 millóns de euros, busca apoiar aos concellos para que realicen investimentos de carácter estratéxico.

Ante os representantes dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, López asegurou que os orzamentos da Deputación estarán aprobados en tempo e forma a 1 de xaneiro de 2025.