O BNG pobrense reclama un transporte público ó Hospital do Barbanza

POBRA> O grupo do BNG da Pobra reclama ó concello a implantación dunha liña de autobús pública entre a localidade e o Hospital do Barbanza, ubicado no municipio limítrofe de Ribeira.

 

 

 O Hospital do Barbanza é o referente para a poboación dos concellos da comarca e congrega a unha poboación de preto de 70.000 habitantes. Entre eles, od veciños e veciñas da Pobra do Caramiñal. Para o BNG o feito de non contar os veciños pobrenses cun servizo específico e público de transporte, desde a vila ata o Hospital comarcal, supón un prexuízo ambiental, social e económico. Obriga ademais a aquelas persoas que non contan con vehículo privado propio a pagar un taxi, ou a perder un día enteiro debido á mala combinación de horarios dos transbordos de autobús que existen. Os nacionalistas presentarán no vindeiro pleno da Pobra, este xoves, unha moción na que promoverá a implantación dun servizo de transporte público que comunique de xeito eficiente o concello co Hospital comarcal.