POBRA> O concello da Pobra mantén no aire moitas das celebracións e actos de verán á espera de coñecer polo miúdo as normas que rexerán na nova normalidade. Non descartan a celebración dalgúns festexos, aínda que en formato reducido e sen aglomeracións.
Aínda que as comisións das principais festas da Pobra, Carmen dos Pincheiros, do Castelo e o Nazareno, desbotaron xa a súa celebración, o concello manterá unha subvención nominativa para cada unha delas co fin de que se poida organizar algún acto en pequeno formato.
Mías difícil semella que saian as procesións aínda que o concello non descarta completamente que poidan saír con limitacións.
Con respecto ós actos culturais mantéñense as visitas teatralizadas de Serafín Marcos que tiveron que ser aprazados durante o confinamento. Tamén se retoman as viaxes xacobeas por mar e os paseos en catamarán e se están a utlimar os detalles da semana do Mar.
Así mesmo estanse a reprogramar outras citas estivais, especialmente actividades de rúa, que non terán nada que ver con como se viñan desenvolvendo ata o de agora aínda que case se da por perdido o festival Entrebateas.
No que se refire ás grandes probas deportivas do verán xa está confirmada a regata de traíñas para o día 22 de agosto. Están pendentes de autorización a carreira popular e o triatlón, programados para agosto e setembro.