A Pobra terá a súa ‘peculiar’ Semana Santa de playmobil

POBRA> Neste período longo de confinamento a cabeza non para. E se non que llo digan a un veciño da Pobra, José Manuel Boo, que xunto ó seu fillo Raúl, decidiu crear as súas propias procesións de Semana Santa…Iso si, botando man de enxeño, traballo e moitos clips de playmobil.

O estado de alarma e a prohibición das tradicionais procesións de Semana Santa polas rúas, como viñan sendo tradición, obrigou a un cambio de escenario…agora son virtuais e fanse na propia casa. É o caso dun veciño da Pobra, José Manuel Boo, que xunto ó seu fillo Raúl, durante este confinamento decidiron crear a súa propia versión da Semana Santa na parroquia do Caramiñal, unha das de maior tradición na comarca, pero con clips de playmobil.

A base de enxeño, traballo e moita imaxinación fixeron unha recreación de varios pasos procesionais que van subindo ás redes sociais con gran éxito de seguidores. Empezaron coa procesión das Dores, seguiulle a de Ramos este pasado domingo, e xa teñen preparada a de mañá mércores. Como ven non falta nin o máis mínimo detalle.

Contan ademais co respaldo e os parabéns das tres confrarías existentes na parroquia: a do Santo Cristo, a da Oración no Horto e a da Nosa señora das Dores.

Entre risas, din que para representar as procesión da outra parroquia, a do Castelo, faríalles falla outro confinamento…

É a súa peculiar forma de vivir una Semana Santa diferente, que de seguro a maioría de nós, devotos ou non, tampouco nunca esqueceremos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí