Cruz Vermella do Salnés recolle xoguetes para os nenos máis desfavorecidos

    VILAGARCÍA > Dentro das xa tradicionais campañas altruístas da Cruz Vermella, o organismo público está a facer unha recollida de xoguetes para os cativos das familias con menos recursos. Nun stand disposto no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía e atendido por voluntarios, dende o pasado día 19 e ata o vindeiro venres todo aquel que o desexe pode aportar o seu gran de area ou máis ben, o seu xoguete.

    De cinco a oito e media da tarde, todo aquel que desexe contribuír a que ningún cativo se quede sen xoguete na comarca do Salnés o día de Reis, pode deixar xoguetes no stand que estes días acolle o Centro Comercial Arousa de Vilagarcía ou mesmo na propia sé de Cruz Vermella en Vilagarcía. No stand, serán atendidos polos voluntarios de Cruz Vermella do Salnés que, no que vai de campaña, recolleron neste posto preto de medio centenar de xoguetes de donativos particulares e prevén recadar moitos máis dos que se beneficiarán máis de 200 rapaces da comarca.

    Tamén as xogueterías contribuíron doando a esta iniciativa que se leva facendo xa varios anos a nivel nacional e comarcal. Se queren axudar lembren que se recollen xoguetes novos, que non sexan bélicos, e que teñen de prazo ata este venres.

    Redacción Salnés