SANXENXO>Impulso á vivenda pública en Sanxenxo. O presidente da xunta e o alcalde asinaron este martes o protocolo de colaboración que permitirá a construción de 350 vivendas en Vilalonga. Delas, o 80% serán protexidas. Vanse construír nunha parcela que o concello mercou á SAREB e que agora, a través deste acordo, vai ceder ao goberno galego. Esta actuación súmase ás dúas parcelas situadas en Noalla e na rúa das Cunchas nas que a Xunta ten previsto construír outras 65 vivendas de promoción pública.
Nestes terreos de Vilalonga vanse construír 350 novas vivendas, o 80% protexidas. Este martes o presidente da Xunta e o alcalde de Sanxenxo asinaban o protocolo de colaboración para a cesión desta parcela de titularidade municipal ao goberno galego, que permitirá o desenvolvemento dun PIA, proxecto de interese autonómico.
O concello de Sanxenxo adquiriu estes terreos á SAREB por 3,5 millóns de euros. Contou co financiamento do Fondo de Cooperación da Xunta.
Nesta liña, o alcalde de Sanxenxo puxo en valor o traballo municipal para ter chegado aquí. Telmo Martín cre que este novo núcleo de vivendas suporá un revulsivo para a zona.
Ao mesmo tempo, o rexedor salientou os outros proxectos de vivenda pública que xa están en marcha en Noalla e na parcela das Cunchas. Iniciativas que tamén destacou o presidente da Xunta.
Tralo acto deste martes, a Administración galega iniciará a tramitación correspondente para licitar a redacción do proxecto do PIA para esta parcela, o que permitirá axilizar os trámites urbanísticos.











