Unhas 700 persoas participan na inauguración da 54ª edición da Festa do Albariño

    CAMBADOS > Unhas setecentas persoas encheron o xoves ó mediodía o Paseo da Calzada coincidindo coa inauguración oficial da 54 edición da Festa do Albariño. Unha das protagonistas do acto, aparte do viño, foi a cantante Samantha Fox, encargada de cortar a cinta inaugural. A inauguración non estivo exenta de polémica, coa asistencia do conselleiro de Medio Rural e as queixas do concello de falla de axudas por parte da Xunta.

    brindisconsamantha_200_030806.jpgA 54 edición da Festa do Albariño tivo como madriña a Samantha Fox, que prolongou a súa estancia en Cambados para asistir á inauguración oficial. Estaba previsto que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán cortase a cinta inaugural pero este acaboulle cedendo os honores á cantante británica. Ela foi unha das protagonistas do acto participando incluso no brindis oficial co resto de autoridades. Entre elas estaba o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

    No aire persistía a polémica suscitada estes días polas queixas do goberno local de falla de axudas por parte da Xunta. O alcalde dixo que ‘a paz está selada’ e lembrou que o concello convidou a tódolos cargos institucionais da Xunta e do Parlamento de Galicia, e que ‘se non poden asistir o sentimos’. En canto á falla de axudas, José Manuel Cores Tourís sinalou que este ano serán sufragadas pola Deputación de Pontevedra. Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural dixo que ‘non hai ningún tipo de polémica’ por parte do seu departamento e asegura que si hai colaboración coa festa, a través do Consello Regulador, coas I Xornadas Técnicas e coa súa presencia neste acto.

    festaalbariodegustando_200_030806.jpgAllea a estas polémicas, Samantha Fox, non escatimou en simpatía cos numerosos admiradores que atopou no Paseo da Calzada, posando para as fotos e incluso dando bicos. A esa hora entre as casetas da festa había unhas setecentas persoas, segundo as estimacións da Policía Local de Cambados. Ata o domingo veciños e visitantes poderán pasear polo Paseo da Calzada para degustar calquera dos corenta e catro caldos que estarán a exposición. O Consello Regulador indicou que a colleita deste ano é excelente, polo que esta festa convértese no escaparate idóneo para probar a producción de Rías Baixas. O Consello Regulador tamén ten listo o concurso de viño, cun total de 65 marcas presentadas. serán vinte expertos os que caten os caldos, e entre eles estará un xornalista norteamericano.

    samanthaconcerto_200_030806.jpgSamantha Fox tamén foi a estrela no concerto celebrado este mércores á noite na praza de Fefiñáns. A cantante británica interpretou seis temas en directo nun escenario de 14 por 10 metros cadrados, cunha pantalla de retroproxección no fondo para que ninguén perdese detalle da súa actuación. Nesta Gala tamén actuaron Christian Escuredo e Francesco Napoli. 

    O Concello condecorou a aqueles que, en diferentes ámbitos, colaboraron na promoción e difusión das terras e dos productos cambadeses. As cinco institucións galardoadas coa Folla de Prata con Albariña de Ouro foron Adegas Pazo de Fefiñáns, a Banda de Música de Castrelo, a Fundación Lar, o Club de Tenis de Mesa de Cambados e a Cadena COPE. Tamén se outorgaron mencións especiais ó grupo folclórico Os Carballeiras, á agrupación cambadesa Danzantes de Cobas, a Radio Pontevedra e ó promotor musical Gerardo Lorenzo. 

    Redacción Salnés