SANXENXO > Ciudad del Cabo acolleu a segunda regata costeira da Volvo Ocean Race, na que o Movistar quedou en segundo lugar. Gañou o ABN 1. No barco español ía o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, quen ven de coñecer ademais o resultado do estudo sobre o valor que tivo para a vila a cobertura informativa da Volvo.
Seguen concretándose as vantaxas que tivo para Sanxenxo se-la base operativa da Volvo Ocean Race. Unha empresa especializada fixo un estudo sobre o impacto que tivo para Sanxenxo a VOR nos medios de comunicación de España. Se exclúe por tanto o valor da cobertura en medios estranxeiros e tamén nos xornais da provincia. O estudo vai facendo un seguemento das novas que saíron en prensa durante todo o mes de novembro e en radio e televisión entre o 2 e o 8 dese mes. En total serían 402 minutos de radio e televisión e máis de 4 millóns 700 mil exemplares de medios impresos. En total o valor publicitario desta cobertura sería dun millón 827 mil euros.
Por outra banda hai que recordar que se celebrou en Ciudad del Cabo a segunda regata costeira da Volvo, na que o Movistar quedou segundo por detrás do ABN 1. Deste xeito sobe ata a quinta posición e sitúase por diante do ING e o Piratas que son últimos na xeral. No barco español ía hoxe o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a quen vemos no centro desta foto tomada hoxe en Ciudad del Cabo. O rexedor asegurou ter vivido unha experiencia inesquecible. Segundo dixo, nunca fora tan rápido nun barco de vela e incluso nalgún momento pasou medo. E é que o vento en Sudáfrica non tivo nada que ver co da regata de Sanxenxo. A saída da segunda etapa cara Melbourne será o luns 2 de xaneiro.
Redacción Salnés