O Salnés vive a súa segunda campaña de recollida de oliva co obxectivo de triplicar a produción

MEAÑO> As oliveiras do Salnés comezan a dar os seus froitos. Estes días Saraiba, o primeiro proxecto produtor de aceite da comarca, está inmersa na campaña de recollida da oliva. Trátase da súa segunda colleita. O ano pasado deron feito uns 75 litros de aceite de oliva virxe extra, pero este ano contan con triplicar a produción.

A día de hoxe estas imaxes aínda nos seguen lembrando a outras zonas da península Ibérica. Pero estas oliverias medran con forza na comarca do Salnés. Galicia foi noutrora terra produtora de aceite e aquí temos distintas especies autóctonas que, aos poucos xa se están a recuperar. Todo grazas a proxectos como o de Saraiba que, dende Meaño, impulsa o primeiro proxecto produtor de aceite de oliva da comarca. Estes días están en plena campaña de recollida.

Esta é a segunda campaña que están a vivir. Amósanse moi optimistas co resultado, confiando en ser quen de triplicar os litros de aceite de oliva.

Moita calidade que compensa o esforzo que supón este proxecto. Un dato: para facer un litro de aceite de oliva virxe extra en Saraiba o ano pasado chegaron a precisar 16 quilos de olivas.

Estas oliveiras foron plantadas no 2018 e ano tras ano irán aumentando a cantidade de olivas. En breve poderían chegar a dar uns 25 quilos por pé.

As oliveiras repártense en tres veigas, sumando unhas 250 oliveiras. Vicky explica que máis alá da parte produtiva, apostar por estas plantacións permiten recuperar terras abandonadas.

E anima a máis xente do Salnés a que se anime a descubrir este sector, como unha saída laboral que, confía, máis cedo ca tarde converta á comarca nun referente oleico en Galicia.