Vilagarcía rende homenaxe aos tres aviadores mortos no accidente aéreo do Xiabre polo seu 50 aniversario

VILAGARCIA> Vilagarcía rende homenaxe ás tres vítimas mortais do accidente aéreo do Monte Xiabre de 1976. Coincidindo co 50 aniversario daquela traxedia, este mércores celebrouse un acto de lembranza dos tres tripulantes falecidos cando participaban en labores de extinción dun incendio forestal. A el asistiron representantes das forzas aéreas, do concello vilagarcián e familiares e amigos dos falecidos.

Este monolito no monte Xiabre, en Vilagarcía, lembra as tres vítimas mortais do accidente aéreo acontecido o 8 de setembro de 1976. O alférez José Luis Herráiz, o brigada José Cachofeiro e o sarxento José Pérez Belmonte perdían a vida tras esnafrarse un hidroavión que participaba nos labores de extinción dun incendio forestal. Este mércores, coincidindo co 50 aniversario daquel fatal accidente, rendeuse homenaxe ás vítimas.

O avión sufriu un fallo mecánico cando realizaba tarefas de descarga de auga sobre o incendio. A nave comezou a perder altura e acabou impactando contra un eucalipto e impactando logo contra o monte, non moi lonxe das casas. A veciñanza da zona foi a primeira en chegar ao lugar e neste acto de lembranza tamén houbo palabras de agradecemento.

Neste acto de lembranza participaron representantes do Aeródromo Militar de Santiago, o 43 Grupo de Forzas Aéreas, o Escuadrón de Vixilancia Aérea número 10, o Vicariato Castrense da Coruña e a Banda de Guerra da Brigada Galicia VII. Tamén membros da corporación municipal encabezados polo alcalde de Vilagarcía.

Tamén tomou a palabra un compañeiro de promoción do alférez Herráiz, que pilotaba o avión.

Á homenaxe sumouse un hidroavión que sobrevoou a zona do accidente. Ao pé do monolito das hélices depositouse unha coroa de loureiro que portaron un membro 43 Grupo de Forzas Aéreas e o fillo dunha das vítimas. O seu pai era o alférez Herráiz e no momento do sinistro tiña dous anos.

O acto rematou cunha homenaxe aso que deron a súa vida por España, coa interpretación do himno do Exército do Aire e do Espazo.