‘Sete historias para catro alcaldes’

    BARBANZA > ‘Sete historias para catro alcaldes’. Baixo este título, a asociación das persoas con diversidade funcional do Barbanza, AMBAR, vén de sacar á luz un documental sobre as dificultades coas que se atopan as persoas discapacitadas á hora de acceder ó mundo laboral. Ademais de reflexar unha realidade presente na nosa sociedade, esta producción pretende facer un chamamento ás administracións para que se impliquen na integración deste colectivo.

    Alberto, Fran, Olaia, Luisa, Sonia, Marisa e Óscar. Sete nomes e sete historias que constitúen un exemplo máis das escasas facilidades coas que contan as persoas con discapacidade intelectual para acceder a un posto de traballo.

    A idea de realizar este documental xurdiu a través dun curso de auxiliar de conserxería no que participaron varios membros de AMBAR. Unha vez rematada a formación teórica, a asociación púxose en contacto cos catro concellos de Arousa Norte para xestionar a realización de prácticas nos servizos municipais. A experiencia non puido ser máis positiva poñendo de manifesto a capacitación destas persoas para realizar funcións laborais públicas.

    Sen embargo, unha vez finalizado o período de formación, os alumnos volveron atoparse cunha cruda realidade. A pesar de ter demostrado sobradamente as súas capacidades, avalada polo persoal co que compartiron a experiencia, ningún dos participantes no curso conseguiu un contrato de traballo. Desafortunadamente, a decepción sufrida por estes sete mozos non é nova e trátase dunha constante na nosa sociedade. Dende a asociación barbanzá, instase ás administracións a habilitar mecanismos que faciliten a integración laboral e social destas persoas de cara a superar estereotipos que derivan na discriminación dos que, sinxelamente, son diferentes.

    Con este obxectivo, AMBAR seguirá a difundir este documental intentando amosar ó maior número de público posible o traballo realizado polas persoas discapacitadas. Á próxima proxección, prevista para este mes de setembro, asistirán os catro alcaldes do Barbanza. De seguro que neste encontro, os mandatarios da comarca recibirán un toque de atención por parte deste colectivo, cuxa única reivindicación é que se respecte o seu dereito a un traballo digno como garantía fundamental para tódolos seres humanos. 

    Redacción Barbanza