A Lei Antitabaco entra en vigor con moitas dúbidas entre os hostaleiros

    BARBANZA > O 1 de setembro era o prazo máximo establecido polo goberno central para a aplicación da lei antitabaco, que obriga a separar fisicamente o espazo reservado para fumadores nos locais de máis de cen metros cadrados. Aínda que algúns hostaleiros optaron por realizar reformas, a gran maioría terán que colgar o cartel de prohibido fumar. A medida convence a poucos e a confusión con respecto á normativa segue sendo a nota dominante posto que aínda está pendente de saír á luz o decreto galego, aínda máis restrictivo.

    Unha gran parte dos hostaleiros galegos aínda non teñen claras as restriccións que introduce a lei antitabaco. Esta confusión deriva da introducción dun decreto a nivel autonómico, que endurece a normativa estatal, pero que ata o momento non foi aprobado.

    A lei antitabaco, actualmente en vigor, establece a necesaria separación dos espazos reservados para fumadores nos locais cunha superficie superior ós cen metros. Os hostaleiros tiveron de prazo dende primeiros de ano para adaptarse á normativa. Sen embargo, foron moi poucos os que optaron por realizar a reforma, disuadidos polos custos derivados da obra e as dúbidas que aínda existen arredor desta lei. De feito, a normativa introduce algunhas opcións para certo tipo de locais, como os que conten con dúas licenzas ou espazos xa acondicionados que poderán permitir que se fume. Sen embargo, parece que a maior parte do sector agardará á aprobación do decreto da Consellería de Sanidade para decidir se acomete ou non a reforma. O proxecto autonómico recolle a prohibición de instalar máquinas de tabaco nos establecementos de menos de cen metros e obriga á instalación de sistemas de ventilación nos locais para fumadores.

    A pesar da diversidade de opinións, a maior parte dos hostaleiros consideran que esta normativa está a afectar negativamente ós seus negocios. Ademais consideran que a lei presenta incongruencias e favorece ós locais pequenos en detrimento do establecementos que necesariamente teñen que contar con máis superficie tal e como os restaurantes, discotecas ou salas de festas.

    Redacción Barbanza