Mimarte e Cáritas volven aliarse na gala solidaria de Nadal

RIBEIRA> Este mércores saen á venda as entradas para a Gala Solidaria de Mimarte de Nadal en favor de Cáritas de Ribeira. Preto dun cento de artistas subirán ó escenario o 12 de decembro para representar unha adaptación contemporáneo de contos de Nadal coa música e o humor como principais protagonistas.

A Gala Solidaria de Mimarte en favor de Cáritas é xa unha cita clásica que marca o inicio do calendario de Nadal en Ribeira. Este ano será o sábado 12 de decembro a partir das sete e media da tarde no auditorio municipal. Preto dun cento de artistas, alumnos do Espazo Creativo e Artes Escénicas Mimarte, levarán a escena un espectáculo de preto de dúas horas de duración  coa música e o humor como sinais de identidade.

Ademais de recadar fondos para desenvolver o seu labor, esta gala dá tamén visibilidade á acción de Cáritas Parroquial convidando á cidadanía a reflexionar sobre as necesidades que se viven na contorna máis próxima.

Dende o concello de Ribeira puxeron en valor o papel de Cáritas en beneficio da comunidade e animaron ós veciños a facer gala da solidariedade que sempre demostran , especialmente nestas datas que se achegan.