Pesca avalía os danos ocasionados pola cinza nos bancos marisqueiros

    visitagallegopraias_100_251006.jpgBARBANZA > A Conselleira de Pesca visitou os areais afectados polas riadas no Barbanza.

    A pesar da intensa chuvia, a Conselleira de Pesca quixo coñecer a pé de praia os danos que están a ocasionar as riadas ós bancos marisqueiros do Barbanza. Dende hai días, as praias dos Raposiños na Pobra e a Torre en Rianxo atópanse cubertas dunha espesa capa de lodo composta de cinza e maleza procedente dos montes queimados. Carmen Gallego constatou a situación en que se atopan estes areais e o malestar existente entre os mariscadores da zona que vén ameazado o seu medio de vida. De feito, durante a súa visita a Rianxo, o colectivo de mariscadoras amosouse bastante duro coa titular de Pesca esixindo unha maior implicación da administración cos problemas do sector así como o pago das axudas que están aínda por cobrar.

    A Consellería de Pesca xa se fixo cargo da gravidade da situación que se está a vivir tanto nestas confrarías barbanzáns como nos pósitos da ría de Pontevedra, polo que xa se destinou persoal e maquinaria para as tarefas de limpeza dos areais. Así mesmo, os técnicos do departamento autonómico están a traballar na avaliación os danos rexistrados en tódolos bancos naturais co obxectivo de establecer unha liña de posibles axudas.

    Agora, o risco máis importante a medio prazo para o sector é que a chuvia siga a provoca-lo descenso da salinidade das augas que pode provoca-la mortandade do marisco.

    Redacción Barbanza