Ribeira dá un novo paso para a apertura do concello coa licitación de parte do mobiliario

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de sacar a licitación parte do mobiliario da casa consistorial co obxectivo de poder abrir canto antes a instalación. Licitouse tamén o alumeado exterior da praza onde veñen de finalizar as obras de accesibilidade en toda a contorna.

Trala reforma da casa consistorial, Ribeira veu mellorada a accesibilidade da contorna da praza do concello coas obras que veñen de finalizar para facilitar a mobilidade e embelecer esta zona. En paralelo, licitouse tamén o novo alumeado exterior que ademais de favorecer a seguridade permitirá unha mellor iluminación nos distintos actos a celebrar nun dos epicentros da vila.

Ademais das melloras exteriores, o concello procedeu tamén a licitar parte do mobiliario da nova casa consistorial. Aínda que se aproveitarán moitos dos elementos actuais, a nova distribución das instalacións obrigan á adquisición de diversas mesas, cadeiras ou estanterías adaptadas ás novas dependencias.