O cambio de localización da residencia de Ribeira segue a enfrontar a goberno e oposición

RIBEIRA> Tenso pleno o vivido este xoves en Ribeira. A oposición esixiulle ó goberno explicacións sobre o cambio de criterio para emprazar a futura residencia nunha parcela entre Cruxeiras e San Roque, desbotando definitivamente o proxecto das Saíñas. Dende o executivo aclararon que a busca do novo emprazamento realizouse trala modificación da normativa para a construción de edificios públicos en zonas potencialmente inundables.

O BNG, pola contra, insistiu en que non existen trabas legais que impidan a construción da residencia das Saíñas aludindo ós informes técnicos solicitados a distintas administracións

Nesa mesma liña pronunciábase o edil non adscrito Juan Luís Furones, demandando información ó goberno sobre a existencia de informes técnicos desfavorables que xustifiquen o cambio de localización.

Máis crítico aínda na súa exposición foi o voceiro do PSOE acusando ó executivo de intereses urbanísticos na zona de San Roque na que se vai desenvolver o actual proxecto.

A alcaldesa atallou o bronco debate apelando ó entendemento e á colaboración entre os grupos para sacar adiante un proxecto que permita a Ribeira contar coa súa segunda residencia pública cunha previsión inicial de 120 prazas.

A moción presentada pola oposición decaeu finalmente con 8 votos a favor e 11 en contra.