Recollen sinaturas en Ribeira para que se dote de máis profesionais ó centro de saúde

RIBEIRA> Membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza realizaron esta mañá unha recollida de sinaturas diante do centro de saúde. O motivo non era outro que reclamar unha mellor atención sanitaria no dispensario, esixindo ademais a dotación de máis profesionais para o centro.

Se ben é certo que o problema da falla de persoal é extensible a outros centros sanitarios, non só desta comarca senón de toda Galicia, o problema que se vive en Ribeira é especialmente significativo. A Plataforma denuncia que o SERGAS non cubre tódalas ausencias do persoal, algunha delas que se alonga dende hai máis dun ano.

Con esta recollida de sinaturas a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza quere denunciar o progresivo desmantelamento do servizo de Atención Primaria no municipio.

A merma do persoal deste centro sanitario vai en prexuízo da propia calidade que se lle presta ós usuarios. ö longo de toda a mañá foron moitas as persoas que acudiron a asinar, algunha delas incluso se achegou a propósito dende a súa casa ou lugar de traballo demostrando así o seu descontento coa situación sanitaria actual no municipio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí