Touriño convoca eleccións para o 1 de marzo

    eleccions100_181208.jpgSALNÉS > O 1 de marzo haberá eleccións autonómicas en Galicia. Así o anunciou hoxe o presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño no parlamento galego.

    Os galegos teremos unha nova cita coas urnas o vindeiro 1 de marzo. O presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño comunicou hoxe esta data ó Consello da Xunta e ó Parlamento galego. Serán as oitavas eleccións autonómicas que se celebren en Galicia e as primeiras que cadran no mes de marzo.

    As anteriores tiveron lugar o 19 de xuño de 2005. Daquela, o PP non conseguiu revalidar a maioría absoluta e perdeu o poder tralo acordo de goberno entre PSOE e BNG. Esta lexislatura, os populares contan con 37 escanos fronte ós 38 que suman os do PSOE, que conseguiu 25, e BNG, que obtivo 13.

    A decisión de Emilio Pérez Touriño supón adiantar as eleccións autonómicas nuns tres meses, posto que tocaba votar a finais de xuño. Pero nesa data hai eleccións europeas e o presidente sempre se manifestou a favor de facer uns comicios só en clave autonómica. Ademais elixiu o 1 de marzo para evitar que coincida coas eleccións vascas, que tamén serán ese mes.

    Nesta nova carreira electoral, Alberto Núñez Feijóo é o único dos tres candidatos que concorre por primeira vez á Presidencia da Xunta, para Touriño é a terceira ocasión e para Anxo Quintana a segunda.

    Redacción Salnés