VILAGARCIA> O PP de Vilagarcía denuncia o que consideran continuas mentiras do goberno local. Os populares aseguran que o executivo de Alberto Varela faltou á verdade en asuntos como o asfaltado da rotonda do Cavadelo ou na perda de subvencións. Pídenlle aos socialistas que asuman as súas responsabilidades, que rectifiquen ou que dimitan.
Os populares de Vilagarcía denuncian o que consideran continuas mentiras do goberno local. Poñen sobre a mesa varios exemplos, comezando pola polémica do reasfaltado da rotonda do Cavadelo, cuxa titularidade está dividida á metade entre o concello e o porto. Aquí no PP detectan varias falsidades despois de que o executivo de Alberto Varela asegurase que o proxecto estaba elaborado e autorizado pola Autoridade Portuaria.
Tamén din que o alcalde mentiu cando asegurou que a subvención do skatepark era a primeira que perdían.
E ademais cargan contra a que consideran outra gran mentira: un convenio entre os concellos de Vilagarcía, Caldas e Zona Franca para a ampliación do polígono do Pousadoiro que, segundo din, non era tal convenio.
E con todo isto, dende o PP esixen responsabilidades ao goberno local, que rectifique publicamente e que os que denominan ‘responsables desta manipulación’ presenten a súa dimisión.











