Baixas capturas, alta calidade e prezos correctos na apertura da campaña da centola

    O GROVE> O primeiro día da campaña da centola abre frouxo, moi frouxo no que a capturas se refire pero con exemplares de elevadísima calidade. De aí que esta tarde o quilo do crustáceo acadase de prezo máximo os 16,80 euros na lonxa do Grove. Pontevedra foi a primeira provincia de Galicia en iniciar a tempada da centola, seguiranlle a Coruña o día 16 e Lugo o 30.

     

    Pontevedra inaugurou hoxe a campaña da centola. Nesta primeira xornada, a maioría das  embarcacións volveron a porto sen acadar os topes marcados: 35 kg por barco e outros tantos por tripulante.

    As capturas mantéñense na liña da campaña do ano pasado, cualificada como frouxa dende o sector.

    En O Grove agardábase con expectación a apertura da campaña. Na lonxa, o quilo do crustáceo acadou os 16,80 euros de prezo máximo na poxa.

    Non en van, a centola meca é unha das máis cotizadas pola súa elevada calidade. E parece que un ano máis non vai defraudar.

    A de hoxe non foi máis que a primeira xornada, por iso dende o sector teñen a esperanza de que tanto a cantidade como o prezo do quilo, increméntense. Sobre todo a medida que se acheguen as datas do Nadal.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/11novembro/10/subasta_centola_grove.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/11novembro/10/subasta_centola_grove.mp4{/flowplayer}