Case un ano en lista de espera agardando por dúas operacións

denunciasanitaria_100_010909.jpgPORTO DO SON> María del Pilar Ben denuncia que leva case un ano en lista de espera, agardando para operarse dunha hernia.

{flowplayer}barbanza/denunciasanitaria.flv{/flowplayer}

Tras pasar trinta e tres anos da súa vida en Alemaña, María del Pilar Ben retornou ó seu Porto do Son natal en 1995. Tras anos de traballo na emigración, durante os cales se dedicou a promocionar Galicia dende o Centro Galego de Munich, pretendía desfrutar dunha merecida xubilación na súa terra. Sen embargo, os problemas de saúde que atravesa unidos ás carencias do sistema sanitario galego están a facerlle pasar por un auténtico calvario, peregrinando de hospital e hospital.

Dende outubro do pasado ano atópase en lista de espera para operarse dunha hernia. No hospital do Barbanza decidiron derivala ó Clínico de Santiago por mor doutras patoloxías que sufría. Pero tampouco alí puideron intervila pola falta de médicos polo que foi novamente derivada ó Gil Casares, do cal volveu ser derivada ó Clínico.

Listas de espera

Un sinfín de idas e vidas, que se viron especialmente agravadas cando en abril María del Pilar volveu sufrir unha doenza no xeonllo, que tamén requería dunha intervención cirúrxica. Dende entón, leva en lista de espera para as dúas operacións, sen que ata o momento exista unha data fixada para ningunha delas. 

Ante esta precaria situación, María del Pilar fai un chamamento ás administracións públicas, máis concretamente á Consellería de Sanidade, coa fin de que se mellore o sistema público de saúde e que se garanta a contratación de médicos substitutos para cubrir as baixas e vacacións dos titulares.

Dignidade

O caso de María del Pilar non é único e mentres o seu historial segue vagando de hospital en hospital, como moitos outros, ocupando un número nas extensas listas de espera, ela deberá seguir agardando. Ós seus setenta e sete anos, só pide que se lle trate con dignidade, dándolle a asistencia sanitaria que debería garantir unha sociedade como a galega.

Redacción Barbanza