NOIA > Preto dunhas dúas mil persoas volveron a manifestarse polas rúas de Noia en contra da variante interior proposta pola Xunta de Galicia.
Durante a mobilización os afectados volveron arremeter contra a Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, que se negou a recibir ós membros do colectivo.
Berrando consignas como ‘Señora Caride deixe ó delegado, recíbanos vostede que é o que demandamos’ ou como ‘Touriño, ponte sobre a ría, non hai máis camiño’ partiu a mobilización dende a alameda noiesa, para dirixirse despois pola rúa do Ferrador, Malecón de Gasset, Malecón de Cadarso e Escultor Ferreiro, para volver de novo ó punto de partida. Alí e ante unhas dúas mil persoas, que segundo a organización foron os que participaron na manifestación, o portavoz da plataforma de colectivos de veciños afectados polo trazado da variante interior, Xulio Bustelo, dou lectura a un comunicado, no que se volveron a poñer de manifesto as súas principais reivindicacións.
Durante a súa intervención Bustelo reiterou de novo a necesidade de que os veciños continúen unidos no seu empeño de que se varíe o actual proxecto, anunciando que volverán a solicitarlle unha entrevista á titular de Política Territorial para exporlle os seus argumentos en contra do actual trazado.
Xulio Bustelo informou ademais que este luns tiñan previsto entrevistarse co Valedor do Pobo para pedirlle a súa mediación no conflito e que convocarán unha nova xuntanza esta semana no salón de actos da Casa do Mar para informar das accións realizadas ata o de agora coa finalidade de que a Xunta opte pola construción da ponte sobre a ría.
Neste sentido o voceiro da plataforma en contra do actual trazado fixo referencia a que a Fiscalía de Medio Ambiente vén a darlles a razón, ó sinalar que se pode construir nun espazo da Rede Natura, sempre e cando se respecten uns criterios establecidos pola lei. Neste sentido puxo como exemplo o que vai acontecer en Outes onde non hai inconvinte en que se faga a ponte sobre a ría, que é o mesmo espazo protexido que o de Noia
Os membros da plataforma tamén tiveron palabras de crítica contra o deputado do PSOE, Xosé Manuel Lage, ó que acusaron de non defender no seu momento ós veciños afectados, a pesar de ter participado na comisión técnica de redacción da variante e se-lo responsable directo dos trazados. Neste sentido dende a plataforma considérase que os socialistas están tratando de engañar ós veciños cun hipotético trazado máis ó sur do actual para así tratar de sacar un maior rédito político nas vindeiras eleccións municipais de maio, para despois, retoma-la opción atual polo interior.
Estudo das alegacións
Precisamente, o deputado socialista Xosé Manuel Lage, declarou a postura de ‘máximo respecto dos seu partido de cara ós veciños afectados’. Segundo informou, na actualidade estanse a estudar ‘de xeito minucioso’ tódalas alegacións presentadas co obxectivo de mellora-lo trazado e minimiza-lo número de afectados.
Lage Tuñas considera que a variante de Noia consittúe unha gran obra que pon de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia con esta vila que, ó seu parecer, estivo esquencida durante os anos de goberno autonómico do PP. Puxo como exemplo ademais outras actuacións en infraestrutras viarias que se van acometer na comarca como a autovía Santiago – Brión ou o corredor Brión – Noia.
O deputado socialista criticou ademais a postura do partido Popular, a quen acusa de politizar a oposición á variante buscando réditos electorais. Neste sentido, Lage Tuñas tivo palabras moi duras para o alcalde de Noia, Antonio Pérez Insua, a quen calificou de ‘incapaz político’. Ó seu entender, o actual rexedor non está preparado para levar o mando da xestión municipal posto que ‘antepón os intereses do partido ós dos propios cidadáns’ e ‘ten problemas de interlocución coa administración autonómica’.
Redacción Barbanza