A Xunta contacta con varias empresas interesadas en Clesa

    industria_clesa3 copia.jpg PONTEVEDRA> Así o recoñeceu o conselleiro de Industria, Javier Guerra, durante unha xuntanza esta mañá con traballadores da firma láctea.

    {flowplayer}images/salnes/REUNION_CLESA_CONSELLEIRO_INDUSTRIA.flv{/flowplayer}

    O grupo Nuevo Rumasa solicitou finalmente o concurso voluntario de acredores para a empresa de lácteos Clesa. Os traballadores da planta de Saiar recibían a nova pasada a unha e media da tarde en plena xuntanza co conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o director do Igape, Joaquín Varela, e a responsable de Innovación e Industrias Agrarias, Alejandra Álvarez de Mon. Horas antes, representantes sindicais e empregados da factoría caldense manifestábanse por segunda vez ante as portas da fábrica para pedir unha solución urxente á súa situación laboral.

    Desa xuntanza entre conselleiro e traballadores saíron varios compromisos. Entre eles, estudar a actual situación xurídica da firma na procura da mellor solución para que a planta poida seguir producindo Desde a Xunta aseguran que xa habería cando menos dúas cooperativas galegas interesadas en adquirila.

    Os traballadores de Clesa acolleron en principio de bo grado a solicitude do concurso de acredores por parte da sociedade Nueva Rumasa. A empresa estaba sen dirección, e cando menos agora ábrese a posibilidade de reorientar o seu rumbo.

    Esta nova deixa en xaque a Xunta e traballadores. Desde o goberno autonómico reiteran o seu compromiso coa planta galega e aseguran que van traballar por que continúe a produción. Pero antes marcarán unha folla de ruta con catro pasos. O primeiro, estreitar as canles de comunicación cos traballadores para coñecer de primeira man o funcionamento e cambios que se produzan na empresa. O segundo, conseguir unha reunión cos dirixentes de Nueva Rumasa e á vez, poñer en mans dos servizos xurídicos o estudo da situación económica e societaria da empresa. Todo cun obxectivo: a procura de posibles compradores que garantan a viabilidade da firma. Segundo o conselleiro de Economía, xa habería dúas cooperativas galegas interesadas. É unha postura semellante á que defende o sindicato Unións Agrarias, que o goberno galego axude ás 23 cooperativas galegas a adquirir a fábrica.

    En principio a solicitude do concurso de acredores non entorpecería o Expediente de Regulación de Emprego solicitado onte ante á consellería de Traballo polos empregados da planta. Afectaría a 123 persoas, e a medida tomouse ante a situación critica na que se atopan, xa que van cumprir cinco meses sen cobrar as súas mensualidades.

    Redacción Salnés