Sorrisos e bágoas no primeiro día de “cole”

    comezocursogarderia.jpgRIBEIRA> Na gardería municipal arrincou o curso escolar entre bágoas e xogos. O centro abre as súas portas con listas de espera na quenda de mañá.

     
     
    A gardería municipal de Ribeira reabriu  o primeiro día de setembro para dar a benvida ós primeiros alumnos deste curso 2010-2011. Os pequenos acudiron nesta primeira xornada acompañados polos seus pais para facer máis levadeiro o trance da adaptación. Aínda que o certo é que moitos, especialmente os que repetían experiencia, amosábanse do máis felices neste primeiro día de curso.
     
    {flowplayer}barbanza/comezocursogarderia.flv{/flowplayer}
     
     
    Período de adaptación
     
    Os berros, choros pero tamén moitos sorrisos foron os protagonistas durante a xornada. Neste primeiro día de clase para os pequenos que asistirán á escola infantil de Ribeira houbo de todo. E é que mentres algúns precisarán dun periodo de adaptación máis longo, outros amosábanse moi contentos cos seus novos compañeiros de xogo. Igual de felices estaban os seus pais que a partir de agora poderán conciliar con máis facilidade a vida laboral e familiar.
     
    Os máis cómodos nesta primeira xornada foron os nenos que xa o pasado ano asistiron á gardería. Aínda que cambian de aula e de educadoras a maioría manteñen os mesmos compañeiros polo que non lles resulta tan extrano o cambio. 
     
    Listas de espera
     
    Este é o primeiro ano que a gardería municipal comeza o curso con lista de espera nas quendas de mañá para os grupos de un a dous anos e de dous a tres. A medida que avance o curso prevese que a lista de espera poida aumentar con novas matriculacións. 
     
    As cifras poñen de manifesto a necesidade de contar cunha nova escola infantil en Ribeira posto que a actual gardería está ó límite da súa capacidade. A tendencia crecente da taxa de natalidade en Ribeira nos últimos anos estase a traducir na escaseza de prazas para moitos pais que a pesar de precisar este servizo non poden optar a el.
     
    Redacción Barbanza