Xornada negra para Liceo e Establecimientos Otero

SALNÉS> Non foi esta unha boa xornada para os equipos do Salnés que militan en División de Honra. O Establecimientos Otero caeu ante o Mataró mentres que o Liceo de Vilagarcía colleitou dúas derrotas desprazamento a terras aragonesas.

Non se pode dicir que esta fora unha boa xornada para os equipos do Salnés na División de Honra. Tres partidos e tres derrotas. Máis preocupante se cadra a actuación do Liceo Casino. Os vilagarciáns afrontaban un desprazamento complicado a Zaragoza onde tiñan que xogar dous partidos, e nos dous houbo o mesmo desenlace. Despois de igualar a tres en ambos compromisos, os choques decidíronse nos partidos de dobres e en ambos o Liceo Casino non foi quen de vencer. Os triunfos quedaron na casa dos seus rivais, o CAI e o Helios.

Non lle foron moito mellor as cousas ó Establecimientos Otero que recibía en San Tomé ó líder Mataró. Os cataláns leváronse o triunfo grazas en boa parte ó quinto encontro, no que se enfrontaban os dous xogadores máis fortes de cada equipo, Kazeem Ahmed por parte dos locais e Manuel García dos barceloneses. A victoria recaeu en mans dos visitantes que no partido seguinte sentenciaron e leváronse o encontro por un marcador final de 2-4.

Na xeral o Liceo Casino é penúltimo sen ter puntuado aínda logo de tres partidos, mentres que o Establecimientos Otero sitúase séptimo cunha victoria e unha derrota nos dous partidos que ata o momento disputou.

A semana que ven os vilagarciáns recibirán ó Krafft Atlético mentres que os cambadeses volverán a xogar na casa, desta volta ante o Helios.

Redacción Salnés