O Extrugasa vence ó Celta e adxudícase a Copa Galicia

SALNÉS> O Extrugasa sumou o seu primeiro éxito da temporada. O conxunto vilagarcián adxudicouse onte a Copa Galicia despois de vencer na final ó Celta Indepo (82-78). Pola contra, o Xuven caeu ante o Ourense (69-63) no seu primeiro desprazamento do ano.

Mellor non puideron empezar as cousas. Primeiro test serio da temporada e victoria para o Extrugasa. As vilagarciáns adxudicáronse a Copa Galicia logo de impoñerse ó Celta Indepo por un axustado 82-78.

O encontro celebrado en Ferrol foi igualado de comezo a fin. Nos anteriores derbis amistosos as de Tito Díaz quedáranse ás portas de superar ás viguesas, e onte o seu maior acerto nos minutos finais foi determinante. Iso e a aportación das xogadoras que saíron dende o banquiño.

A primeira metade finalizou cun resultado de empate a 46, o que deixaba ben as claras o igualado do choque e as boas porcentaxes no tiro.

Pese a que o Celta logrou poñerse sete puntos arriba no terceiro cuarto, a defensa en zona e o tiro exterior do Extrugasa decidíu o encontro do lado das vilagarciáns. Marta Blanes, con 15 puntos, e Ylenia Manzanares, con 14, foron as máis destacadas en ataque. Un título e unha gran nova a unha semana para que dé comezo a liga.

Na Liga EBA, o Xuven acudía con confianza a Ourense despois da súa apabullante victoria ante o Obradoiro. Pero os cambadeses non estiveron acertados de cara ó aro rival e pagárono coa derrota. O 4 de 23 en tiros de tres e as 23 perdas de balón foron demasiado lastre para levarse un partido no que dominaron o rebote pero non o ritmo do encontro.

Jesús Díaz, con 17 puntos e Grismay Paumier, con 14 puntos e 15 rebotes, foron os mellores do Establecimientos Otero.

Redacción Salnés