RIBEIRA> A atleta ribeirense, Ana Peleteiro, nas filas do Fútbol Club Barcelona, proclamábase campioa de España de triple salto nos campionatos nacionais de pista cuberta disputados en Sabadell. A atleta barbanzá fíxose co ouro cun salto de 13’91. Con tan só 18 anos, aínda en idade junior, Ana Peleteiro, xa é campioa de España Absoluta en triple salto en pista cuberta. É a primeira vez que o consegue, pero de seguro non será a última. A progresión desta atleta nos últimos anos é impresionante. En agosto do ano 2012 xa logrou o título mundial nesta especialidade e agora con este novo logro, convértese na gran esperanza do atletismo español de cara ós Xogos Olímpicos de Río de Janeiro en 2016. Na final de onte en Sabadell, non o tivo fácil. A rival a bater era a actual dominadora desta disciplina, Patricia Sarrapio. Aínda así, dende un primeiro momento a atleta ribeirense, agora competindo nas filas do Fútbol Club Barcelona, demostrou sentirse cómoda. Realizou un primeiro salto de 13’85, que supuña xa récord de España na categoría junior. No segundo xa acadou os 13’91, marca que xa non superaría en saltos posteriores e que finalmente lle daría a vitoria. Moi emocionada recolleu a medalla, cos retos postos xa no campionato do mundo e no campionato de Europa.
Inicio Deportes