![]()
PONTEVEDRA> O fiscal rebaixou a 3 anos de prisión a petición de condena para un pontevedrés acusado de intentar violar a unha peregrina estona …
{flowplayer}images/salnes/XUIZO_AGRESION_PEREGRINA.flv{/flowplayer}
… que facía o Camiño portugués a Santiago, ó seu paso por Pontevedra.
O representante do Ministerio Público solicitaba nun inicio 8 anos de cadea xa que consideraba que se consumara a agresión. Na vista oral celebrada na Audiencia Provincial de Pontevedra, o fiscal explicou que tivo en conta a declaración inicial da vítima ante a policía: ‘ela dixo que o mozo intentaba por tódolos medios e con gran forza introducirlle o pene na boca, resistíndose ela e non conseguindo este tal propósito’.
Unha declaración similar ofreceuna a moza estona no xulgado, con posterioridade: ‘Ela dixo que alguén por detrás a agarrou polo pescozo, viu un home que a agarrou polos brazos, polas mans e que a levou a uns matorrais, ela negouse, ese momento teno en branco, recorda que estaba agachada, medio de xeonllos no chan e que el tiña o pene fóra, buscou o spray e rociouno’.
Tendo en conta estas declaracións, e que o acusado nega que houbera tal feito, o Ministerio Fiscal considera que a modificación da petición de condena é correcta. Ademais, entende que os feitos que se xulgan foron graves, polo que pide a pena máxima prevista para este tipo de delitos.
Os feitos aconteceron en maio do ano pasado, na Xunqueira de Alba, en Pontevedra, cando a peregrina estona atravesaba a denominada ponte das Cabras. Tralo intento de agresión, a vítima logrou fuxir e foi asistida no Complexo Hospitalario de Pontevedra.
A descrición que lle deu á Policía permitiu a rápida detención dun mozo pontevedrés de 20 anos, que no momento do arresto inda tiña os ollos irritados, supostamente, polo spray de autodefensa que utilizara a muller estona. A prexudicada manifestou que non vai a reclamar. O xuízo quedou visto para sentencia.
Redacción Salnés










