Aviación Civil investiga o accidente aéreo en Monte Lobeira

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/02/accidentehelicoptero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/02/ACCIDENTE_HELICOPTERO.mp4 {/flowplayer} VILAGARCÍA> Aviación Civil investiga xa os motivos polos que este sábado á noite un helicóptero se estrelou nunha pequena finca no entorno do Monte Lobeira. Tres persoas viaxaban a bordo, o piloto, un vilagarcián de 35 anos con longa experiencia na condución destes vehículos, e dúas pasaxeiras. O único ferido foi o piloto, con lesións nunha vértebra, pero en bo estado. A súa pericia na pilotaxe foi precisamente a que evitou que o accidente quedara nunha traxedia. Expertos da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil recollían onte pola tarde os restos do helicóptero que vinte catro horas antes se estrelaba nunha finca nas inmediacións do Monte Lobeira. As causas exactas do accidente aclararanse concluída a investigación. Polo momento, unha das hipóteses que se barallan é unha avaría no rotor de cola que fixo que en pleno voo o helicóptero perdera parte da cola, unha aleta traseira e outras pezas que quedaron esparexidas nun radio de 150 metros. Viaxaban a bordo Xurxo García, un vilagarcián de 35 anos, piloto, e dúas pasaxeiras. García creara hai uns meses a empresa Heliclover coa que organizaba paseos e visitas aéreas polo Salnés. A do sábado era unha desas saídas. Sobrevoaba a zona de Cornazo, en Vilagarcía, cando comezou a notar as primeiras avarías. Con gran experiencia en pilotaxe, xa que foi piloto do helicóptero de emerxencias do 112 durante anos, o instinto levouno a buscar unha zona apta para aterrar de emerxencia, e de contado, posto que moi preto da zona hai unha liña de alta tensión e o vial de acceso ó porto de Vilagarcía. Atopou unha pequena finca, rodeada de árbores, na que logrou tocar terra sen que os ocupantes sufriran danos. Só el resultou ferido de gravidade ó caer o helicóptero do seu lado. Ten unha lesión nunha vértebra pero atópase fóra de perigo. A zona de aterraxe é un terreo de moi difícil acceso co que o equipo de Protección Civil de Vilagarcía tivo que abrir camiño para chegar a el, logo de localizar o punto do sinistro, que non foi doado, e contar coa axuda dun veciños que coñecía ben a zona para habilitar o terreo para a chegada de equipos médicos e policía. Tamén eles se encargaron de custodiar os restos da aeronave ata recollelos Aviación Civil. E é que a zona converteuse durante todo o día de onte nun espectáculo para curiosos que se achegaban a ver os restos do sinistro.