Mar aposta por adiantar as posibilidades de pesca da sardiña para a flota galega

BARBANZA> Rosa Quintana considera que é neste mes de xullo e en agosto cando esta especie acada o seu máis alto valor. A titular de Mar informou de que os últimos estudos científicos realizados acreditan unha recuperación da sardiña. Por esta razón dende a Xunta trasladaranlle ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a posibilidade de adiantar a este primeiro semestre as posibilidades de pesca asignadas para o segundo, unha vez que a Secretaría Xeral de Pesca decidiu o peche desta pescaría no caladoiro Cantábrico Noroeste ata agosto polo esgotamento do cupo asignado. Segundo ela é neste mes de xullo e en agosto cando a especie acada o seu máis alto valor, de aí a súa solicitude. A captura de sardiña está regulada este ano por un plan de xestión entre España e Portugal que recolle menos posibilidades de pesca que en 2017 e topes más baixos co obxectivo de poder manter aberta esta pescaría cun límite de 14.600 toneladas repartidas en dous periodos.