Atopan san e salva á muller desaparecida en Tremoedo o luns

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/11/apareceangelita.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/11/APARECE_MULLER_TREMOEDO.mp4{/flowplayer} CAMBADOS> Un pouco desorientada, débil, con algunha que outra rascadura, pero consciente e lúcida. Así aparecía pouco antes das once da mañá Angelita, a muller de 87 anos que desaparecera en Tremoedo, Vilanova, o luns á tarde. Familiares, veciños e incluso médicos non saían do asombro ó ver á muller. De milagre cualificaban o achádego. Nin familiares, nin os centos de veciños que nos últimos días se afanaran na busca de Angelita nin os propios servizos de emerxencia. Ninguén saía esta mañá do seu asombro cando pouco antes das once da mañá unha chamada alertaba de que aparecera a muller, viva, e en bo estado, en Corvillón de Abaixo, Cambados. Foi esta cadela, Lúa, a que localizou á muller moi preto do lugar do que se tiña a última pista máis fiable, no entorno da adega Gran Bazán, e polo que tantas veces pasaron os equipos de rastrexo. Catro noites á intemperie e tres días e medio vagando polos montes. Foi o tempo que pasou Angelita Borrageiros desaparecida. E apareceu nun estado sorprendente para todos. Con apenas unhas rascaduras no xeonllo e a cara, débil pero moi lúcida. Logo de aparecer os servizos médicos atendérona no lugar e posteriormente trasladárona ó hospital do Salnés para facerlle unha revisión xeral xa que pasou catro días sen tomar a súa medicación. O que máis sorprendeu a todos é que aparecera onde apareceu. Nunha zona que as batidas de busca peitearan ata tres veces e no que incluso estiveran rastrexando onte mesmo. Segundo o neto, a muller díxolle que apenas se movera do sitio no que apareceu. A cadela que a atopou, unha Podenca, foi adoptada polo seu dono na canceira de Cambados, moi próxima á zona. E andou unha longa andaina. Apareceu case a catro quilómetros da súa casa. A única explicación que lle atopan os familiares é que é unha gran coñecedora de camiños entre monte e fincas, co que aínda que se move lenta, pode defenderse e atravesar por zonas que moitos non coñecen. Angelita apareceu ó límite xa que onte a última hora a Garda Civil decidían suspender as buscas e iniciar a investigación xudicial, aínda que os veciños pensaban seguir mantendo os rastrexos a pé.