Unha modificación puntual do PXOM podería bloquear o proxecto de Megasa

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/04/MEGASA041215.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/04/REUNION_MEGASA.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA>

 

O concello de Vilagarcía solicitará unha reunión coa secretaria xeral de Urbanismo da Xunta para consultar a posibilidade de facer unha modificación puntual no PXOM e evitar así que o proxecto dun centro comercial para antiga finca de Megasa vaia adiante. É a proposta que presentaron hoxe os servizos xurídicos da asociación de comerciantes Zona Aberta na reunión que se acordou convocar no pleno de outubro con técnicos municipais, demais partidos da corporación e o equipo redactor do PXOM.

Ante a imposibilidade de suspender a licenza para a implantación dunha superficie comercial na antiga parcela de Megasa, o concello de Vilagarcía consultará na Xunta a opción de realizar unha modificación puntual no Plan Xeral de Ordenación Municipal e conseguir así bloquear a macroárea proxectada para a zona. É a única vía que se valorou como factible na reunión que esta mañá mantiveron representantes dos grupos políticos na corporación, técnicos municipais, membros da asociación de comerciantes Zona Aberta e o equipo redactor do PXOM. Vía que suxeriron os servizos xurídicos dos comerciantes.

 

Desde o goberno local insisten na explicación dada polo alcalde no pleno de hai unha semana. Segundo Alberto Varela, a polémica sobre Megasa podería terse evitado, se o anterior goberno do partido popular aprobase inicialmente o documento que a empresa revisora do PXOM lle entregou en setembro de 2013. De facelo, a licenza podería terse suspendido. Pero ó non ser así, a vía da modificación puntual perfílase como a única á que agarrarse.

 

Agora solicitarán esa reunión coa secretaria xeral de Urbanismo para consultar a viabilidade desta modificación, para non botarse a traballar sen ter garantías de que a medida terá éxito.

 

Desde o Partido Popular, no goberno cando se tramitou este expediente de Megasa, insisten en culpar a Varela e responsabilizalo de ser cómplice de impulsar a implantación desta área comercial, alegando que no seu momento era asesor xurídico do departamento de Urbanismo e hai informes favorables asinados por el. En anteriores ocasión Varela apuntou a que a súa tarefa era comprobar se os trámites se axustaban á legalidade.